BIOCLIMÁTICA, O MOVEMENTO DO SOL

Traxectoria solar

O sol é a principal fonte de enerxía da que depende o deseño bioclimático, polo tanto convén ter unha idea clara de como é o seu movemento e posición nas distintas estacións do ano.

Particularizando na situación xeográfica na que se encontra Galicia, hai dous días ó ano (22 de marzo e 21 de setembro) nos que o día dura exactamente o mesmo que a noite, e nos que o sol sae exactamente polo leste e se pon polo oeste. Son os equinoccios de primavera e de outono. Despois do equinoccio de primavera, os días son cada vez máis longos, o sol alcanza maior altura a mediodía (aproximadamente 75º sobre a horizontal) e a saída e a posta de sol tenden a desprazarse cara ó norte. Esta tendencia segue ata o solsticio de verán (21 de xuño), o día máis longo do ano. A partir de aí a tendencia é inversa ata chegar ó equinoccio de outono.

Despois do equinoccio de outono, os días son cada vez máis curtos, e o sol cada vez está máis baixo ó mediodía (aproximadamente 25º sobre a horizontal). A saída e a posta de sol desprázanse cara o sur. Esta tendencia continua ata o solsticio de inverno (21 de decembro), o día máis curto do ano.

Estes movementos do sol teñen unhas consecuencias claras sobre a radiación recibida polas fachadas dunha edificación e son as que determinan a base dun correcto deseño bioclimático: en inverno, a fachada sur recibe a maioría de radiación, grazas a que o sol está moi baixo, mentres que as outras orientacións (norte, leste e oeste) apenas reciben radiación. No verán, pola contra, cando o sol está máis vertical ó mediodía, a fachada sur recibe menos radiación directa, mentres que as mañás e as tardes castigan especialmente ás fachadas leste e oeste, respectivamente.

CONCLUSIÓN: O sur é a mellor orientación para situar a maior parte das estancias dunha edificación, así coma  as ventás de maiores dimensións, pois en inverno é a máis soleada e no verán a menos castigada.

By :
Comments : 0

Deixa un comentario

*