BIOCLIMÁTICA, A IMPORTANCIA DA INERCIA TÉRMICA

●DESCRICIÓN/CONCEPTOS BÁSICOS. 

Unha tarde fría de inverno, cando chegamos a nosa casa e acendemos a calefacción, pasa un tempo ata que a temperatura comeza a ser agradable. Pola contra, cando a apagamos pola noite, a temperatura non baixa inmediatamente, senón que o fai progresivamente. Esta resistencia da temperatura a reaccionar inmediatamente ós aportes e pérdidas de calor e o que se coñece como inercia térmica, e ten moito que ver cos cerramentos cos que estamos en contacto no noso espazo habitable (paredes, chans e teitos).

inercia_termica copia

A inercia térmica é un concepto moi importante a hora de deseñar unha edificación seguindo uns criterios bioclimáticos. Por exemplo, se unha vivenda ten pouca inercia térmica (os seus cerramentos son de pouco espesor e peso), reaccionará rapidamente á radiación solar (inverno), quentándose pronto durante o día, pero tamén arrefriándose rapidamente pola noite. O que está ocorrendo é que hai moi pouco retardo entre os aportes exteriores de calor e a temperatura interior.

Pola contra, en vivendas ou edificacións con gran inercia térmica (cerramentos de gran espesor e masa considerable) a radiación solar non provocará unha subida rápida da temperatura durante o día, porque a calor vaise almacenando lentamente nos cerramentos, pero posteriormente liberarase lentamente durante a noite, conseguíndose así unha temperatura máis constante e unhas variacións térmicas menos extremas.

Polo tanto, a inercia térmica nunha edificación leva implícitos dous fenómenos: o de retardo da temperatura interior respecto á exterior, e que a variación interior de temperatura non sexa tan grande como a variación exterior.

iNERCIA TERMICA

● EXEMPLOS.

Entenderemos mellor todo isto se poñemos un par de exemplos: Pensemos nunha vivenda tradicional dunha Aldea ou Parroquia do rural de Galicia, construída con cerramentos de granito de 60, 80 e nalgúns casos 100 cm de espesor. Cando entramos nela un día de verán moi caluroso notaremos unha sensación de fresco motivada porque a temperatura interior é notablemente inferior á exterior. Algo moi similar ocorre nun garaxe dun edificio situado nunha planta soto, no que notaremos que a temperatura é moi moi constante durante todo o ano independentemente do que ocorre no exterior. Todo isto é debido a gran inercia térmica dos seus cerramentos, granito de moito espesor na vivenda e muros de formigón armado rodeados de terra no garaxe do edificio.

Debemos saber tamén  que si nesa vivenda tradicional, ou a nese garaxe soterrado realizamos obras de reforma interior instalando, por exemplo, un tabique lixeiro (ladrillo, cartón/xeso, etc) separado 5 ou 6 cm da parede exterior co obxectivo de evitar humidades, colocar illamento térmico, etc, perderemos irremediablemente a inercia térmica que aportaban os cerramentos orixinarios, xa que non estarán en contacto directo co espazo no que estamos, e iso é o importante.

chozo-san-felices-de-los-gallegos-0

A edificación que vedes na fotografía poderíamos considerala como o paradigma de construción con elevada inercia térmica. O cerramento vertical é de granito de moito espesor, e a cuberta, tamén de granito, está recuberta de terra e vexetación. Trátase dun chozo, construción tradicional típica de Cáceres, Soria, Zamora, etc (con climas moi extremos), que era utilizado por pastores e agricultores para pasar a noite xunto ó gando ou protexerse das inclemencias metereolóxicas durante as labores do campo.

P1020407

Nesta outra fotografía podedes ver unha vivenda tradicional que rehabilitamos hai algúns anos, que contaba cuns cerramentos de fachada de granito de 80 cm de espesor, e que se conservaron tal e como eran orixinariamente sen ningún tradosado interior, co obxectivo de aproveitar a súa elevada inercia térmica.

● ALGÚNS MATERIAIS  E SISTEMAS CONSTRUTIVOS DE ELEVADA INERCIA TÉRMICA.

Os materiais con mellor inercia térmica son os seguintes:

– Ladrillos de adobe ou bloques de termoarcilla.

– Terra, barro, e céspede, como por exemplo os espazos totalmente soterrados ou as cubertas vexetais e axardinadas.

– Rochas e pedras naturais como por exemplo granito de elevado espesor.

– Formigón, tanto en cerramentos verticais como en pisos e teitos.

– Auga.

● VENTAXAS E INCONVENIENTES.

Para finalizar, a modo de resumo expoñemos algunhas ventaxas e inconvenientes de construir con materiais de elevada inercia térmica:

– Unha elevada inercia térmica dos cerramentos permite amortecer o aumento de temperatura producido pola radiación solar no verán.

– A inercia térmica consegue evitar as irregularidades do funcionamento dos sistemas activos de calefacción.

– A inercia térmica permite o confort térmico interior cando hai periodos con cambios bruscos das temperaturas exteriores ou de soleamento.

– A inercia térmica non é aconsellable cando, por razóns económicas ou de ocupación discontinua, o sistema de calefacción funciona de xeito intermitente en inverno, como por exemplo en fábricas, edifcios de oficinas, escolas, vivendas de fin de semana, etc. Nestes casos necesitamos que  un aporte de calor o máis inmediato posible polo que resulta máis apropiado construir con cerramentos de baixa inercia térmica.

By :
Comments : 0

Deixa un comentario

*

captcha *

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.